Sunday 19 de May de 2024

O PSOE de Ordes volve pedirlle ao Goberno Municipal que solicite a concesión da Medalla de Galicia para Isabel Zendal a título póstumo


 

Os socialistas insisten en que concorren suficientes méritos para concederlle esta distinción, máxime cando hoxe mesmo se pon a primeira pedra do centro sociocomunitario que levará o seu nome

O PSOE de Ordes volveu instar ao Goberno Municipal a que presente as instancias precisas diante da Presidencia da Xunta de Galicia para que lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo a Isabel Zendal Gómez, filla predilecta de Ordes e un dos piares da expedición filantrópica contra a varíola que entre 1803 e 1814 distribuíu polo mundo a primeira vacina da historia contra esta enfermidade. Unha moción que os socialistas xa presentaran o pasado mes de xaneiro e que, ante a non concesión de ningunha distinción no presente ano 2018, volven reiterar agora para que Zendal reciba a máxima distinción de honra que concede a Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica.

O voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, lembra que “aínda que a potestade de conceder a medalla é do presidente da Xunta de Galicia, a lexislación tamén contempla que a súa decisión pode ser por instancia propia ou por instancia de autoridades, institucións ou entidades públicas ou privadas galegas con personalidade xurídica. E nós estamos convencidos que neste caso concorren suficientes méritos para concederlle esta distinción a Isabel Zendal, máxime cando hoxe mesmo se pon a primeira pedra do centro sociocomunitario que levará o seu nome”.

De feito, dende a Agrupación Socialista de Ordes amosan o seu total apoio a este centro pois “dará resposta a moitas necesidades da nosa veciñanza e, en especial, da nosa infancia, algo que levamos tempo demandando os socialistas, e que ademais levará o nome dunha ilustre figura como Isabel Zendal, por cuxo recoñecemento levamos loitando varios anos”, apunta a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez Recouso.

Prazo ata marzo

De acordo co Decreto que regula a concesión da Medalla de Galicia, a presentación de propostas razoadas de candidatos á Medalla de Galicia deberá formalizarse antes de mediados marzo de cada ano, polo que os socialistas instan ao alcalde de Ordes a que presente unha petición “baseada na múltiple documentación recollida polas concelleiras Silvia Marín e Verónica Gómez durante o expediente instruído para o nomeamento de Zendal como filla predilecta de Ordes”, salienta Manteiga.

Isabel Zendal Gómez, veciña da parroquia de Parada, foi a única muller que participou na Expedición Filantrópica do doutor Balmis para distribuír de xeito gratuíto a primeira vacina contra a varíola por todo o mundo. Ademais, a Organización Mundial da Saúde ten recoñecida a Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e en México está considerada como a primeira enfermeira da historia da saúde pública do país, onde dende 1975 dá nome á medalla ao mérito en enfermería “Isabel Cendala Gómez”, así como á Escola de Enfermería de San Martín de Texmelucan (Puebla).